CRTVG

Buscar

Electricidade e alimentación manteñen a inflación no 2,7 % en xuño

Publicado o 14/07/2021 09:43
EFE

Os prezos da electricidade e dos alimentos mantiveron a inflación no 2,7 % en xuño, igual que en maio, e a taxa interanual máis elevada desde febreiro de 2017, segundo os datos publicados este mércores polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

O índice de prezos de consumo (IPC), cuxo incremento é unha décima superior ao avanzado hai quince días, viuse sostido polo grupo da vivenda, que elevou os seus prezos ata o 10,9 %, cinco décimas máis que o mes anterior, debido ao encarecemento da electricidade.

Tamén tiraron da inflación os alimentos e bebidas non alcohólicas, ata o 1,1 %, tres décimas por encima de maio, un comportamento no que destaca o encarecemento de aceites e graxas, carne, leite, queixo e ovos, que se abarataron o ano pasado.

Dentro desta partida, tamén influíron, aínda que en sentido contrario, as froitas, cuxos prezos aumentaron menos que o ano pasado, e os legumes e hortalizas, que se abarataron máis que en xuño de 2020.

Á baixa da inflación tiraron o lecer e a cultura, cuxos prezos caeron o 0,8 %, polo menor encarecemento dos paquetes turísticos, e tamén o transporte, que aumentou o 8,9 % (cinco décimas menos), tamén porque os prezos dos carburantes e lubricantes subiron menos que un ano antes.

A inflación subxacente, que non ten en conta os alimentos non elaborados nin os produtos enerxéticos por seren os máis volátiles, mantívose no 0,2 %, igual que o mes anterior.

Desta forma, continúa estando dous puntos e medio por baixo do IPC xeral, a maior distancia entre ambos os índices desde que se comezou a incorporar a inflación subxacente, en agosto de 1986.

Os prezos subiron en xuño en todas as comunidades autónomas, pero por encima de maio fíxoo en sete delas, entre as que destaca Cantabria (cun aumento de catro décimas). Noutras sete, mantívose, e diminuíu en tres, principalmente en Murcia (dúas décimas menos).

En termos mensuais, o IPC situouse en xuño no 0,5 %, tamén a mesma taxa que en maio, debido á vivenda (2,1 %) pola electricidade e o gasóleo, o transporte (1,1 %) polos carburantes e  lubricantes, e os hoteis, cafés e restaurantes (0,5 %) polos servizos de aloxamento e restauración.

Canto ao índice de prezos de consumo harmonizado (IPCA), que mide a evolución dos prezos co mesmo método en todos os países da zona do euro, este situouse no 2,5 % interanual, unha décima por encima do de maio, e no 0,5 % mensual. 

Noticias web

14/07/2021