CRTVG

Buscar

Eleccións en Venezuela: Maduro faise co control do Parlamento

Publicado o 07/12/2020 15:25

En Venezuela, Nicolás Maduro recupera o único poder que non controlaba, o Congreso, a Asemblea Nacional.

Obtiveron case o 70% dos votos nunhas eleccións moi cuestionadas, sen a principal alternativa de oposición, só se presentaron grupos minoritarios, e cunha participación moi baixa, dun 31%.

Zapatero participou nos comicios como observador

Participou nos comicios como observador o expresidente do Goberno español Rodríguez Zapatero. Pídelle á Unión Europa que cambie a súa postura sobre Venezuela.

"Que a Unión Europea faga unha reflexión despois destas eleccións e que valore o que deu de si a política de sancións", dixo José Luis Rodríguiez Zapatero.

A UE analiza as eleccións venezolanas

Precisamente hoxe reúnense os ministros de Exteriores da Unión Europea. Bruxelas considera que as eleccións venezonalas non cumpriron os requisitos democráticos.

De momento, pronunciouse o alto representante para a Política Exterior da Unión Europea, Josep Borrell. Lembrou que non enviaron observadores electorais a Venezuela porque consideran que os comicios non cumpren os mínimos estándares democráticos.

Espéranse que ao longo do día, os vinte e sete emitan un comunicado rexeitando o resultado.

Á súa chegada á reunión, a ministra de Exteriores española, Arancha González Laya, evitou facer unha valoración dos resultados electorais, pero dixo que a resposta da UE a eses comicios é un dos asuntos "fundamentais" para a estratexia autonómica do club comunitario.

Venezolanos residentes en Galicia piden unhas eleccións libres, xustas e auditadas

Os venezolanos residentes en Galicia manifestan o seu rexeitamento ao resultado destes últimos comicios. Piden unhas eleccións libres e xustas, e debidamente supervisadas.

Coidan que o alto nivel de abstención rexistrado é a mostra do rexeitamento da cidadanía ao Goberno de Maduro.

Dende a asociación instan a todos os venezolanos que se abstiveron nestes últimos comicios a que participen na consulta popular que se vai celebrar a partir de hoxe.

Unha ferramenta que contempla a súa constitución. En Galicia será o vindeiro sábado en sete cidades de toda a comunidade.

Noticias web

07/12/2020