CRTVG

Buscar

Eleccións axustadas en Alemaña para decidir quen sucede a Angela Merkel

Publicado o 26/09/2021 21:30

Tras unha campaña marcada polos cambios de tendencia, conservadores e socialdemócratas alemáns chegaron bastante igualados aos comicios. Ao peche dos colexios electorais, as primeiras proxeccións de voto outorgaron unha vantaxe lixeira aos socialdemócratas do vicechanceler Olaf Scholz, entre un 25 e un 26 % dos sufraxios.

Scholz deuse por gañador. Aínda que admitiu que queda unha noite longa, subliñou que son moitos os que o queren liderando o país.

O bloque conservador, co sucesor de Merkel, Armin Laschet, de candidato, obtería entre un 24 e un 25 % dos sufraxios, o peor resultado da súa historia. Laschet recoñeceu que non estaba satisfeito pero declarouse disposto a formar goberno e lanzoulles unha chamada aos Verdes, ao apuntar que se necesita facer máis respecto ao cambio climático.

Tanto matematicamente coma por desgaste, os comicios non permiten unha reedición da gran coalición de conservadores e socialdemócratas. A fragmentación do voto obriga a negociacións a tres. Os Verdes, en terceira posición e reforzados, despuntan como decisivos na maioría das fórmulas posibles.

Tamén pode xogar un papel importante o Partido Liberal. A ultradereita, que pasaría da terceira á quinta forza é rexeitada por todos, mentres que a Esquerda está na corda frouxa, pendente de obter ou non representación.

Os resultados oficiais definitivos poden tardar. O proceso de reconto en Alemaña é lento e ademais desta vez hai moito voto por correo.

Noticias web

26/09/2021