El Corte Inglés estuda pechar 25 centros, entre os que está un dos que ten na Coruña
As novas formas de consumo están afectando o pequeno comercio, sobre todo, pero tamén os centros comerciais.
Estas superficies teñen de media un 16% dos locais desocupados, segundo consultoras especializadas. Un de cada cinco establecementos non teñen interese para os comerciantes e moitos están pechando. Pode ser o caso do local de El Corte Inglés en Marineda, na Coruña, segundo se recolle nun documento interno da empresa.
Nese informe, que avanzou El Confidencial, El Corte Inglés propón unha restruturación do negocio con vendas de locais, transformacións e peches dun de cada catro centros, serían uns 25. E en Galicia afectaría Marineda City, para o que se propón cese da actividade e transformación do negocio.
El Corte Inglés fala dun proceso sosegado no que buscará solución centro por centro para mellorar as contas. Unha situación que comparten a maioría das superficies.
As vendas nos centros comerciais aumentaron un 2% no primeiro semestre de 2019 respecto ao ano anterior, pero o incremento imparable do comercio por Internet e outros factores apuntan a un cambio de ciclo
Con todo, a empresa non o confirma. Di que non hai decisións tomadas e que non prevé cambios drásticos no curto prazo.
Ante isto, os centros comerciais reinvéntanse para atraer visitantes, por exemplo con ofertas de ocio.
O obxectivo do sector é darlles a volta ás cifras. Os investimentos en centros comerciais afundíronse o ano pasado a niveis de 2013, algo por riba dos 1.500 millóns.