CRTVG

Buscar

EUA priorizará a saída das súas tropas o "último par de días" en Afganistán

Publicado o 25/08/2021 18:31
EUA priorizará a saída das súas tropas o "último par de días" en Afganistán
EFE

Os Estados Unidos priorizarán a saída das súas tropas de Afganistán durante "o último par de días" antes do 31 de agosto, aínda que asegurou que continuará as evacuacións dos seus cidadáns e dos seus colaboradores afgáns ata o final se é necesario.

O portavoz do Pentágono, John Kirby, explicou nunha conferencia de prensa que nas últimas xornadas antes do día 31 as forzas dos EUA comezarán a cambiar prioridades para sacar do país os seus efectivos.

"Comezaremos a priorizar a marcha das capacidades e recursos militares, o que non significa que se vostede é un evacuado e necesita saír non vaiamos tentar sacalo, pero reservaremos unha parte desa capacidade no último par de días para primar a saída da presenza militar", dixo Kirby. O portavoz sinalou que as vidas sempre serán máis importantes que calquera tipo de equipamento castrense na retirada de Afganistán.

O presidente dos EUA, Joe Biden, transmitiu o martes aos seus socios do G7 que o seu país está "en vías" de culminar o repregamento e as evacuacións de Afganistán para o 31 de agosto, aínda que admitiu que depende de gran maneira de que os talibán cooperen.

Os insurxentes rexeitaron unha prolongación da presenza militar estadounidense no país máis aló desa data, que consideran "unha liña vermella". Preto dun centenar de avións estadounidenses e doutros países da coalición internacional que combateu na guerra de Afganistán sacaron de Cabul a unhas 19.000 persoas este martes, asegurou hoxe a Casa Branca. Con isto aumenta a 82.300 o número de persoas que os Estados Unidos axudaron a sacar do país desde o pasado 14 de agosto, e a 87.900 a cantidade de persoas evacuadas desde finais de xullo, segundo a fonte.

O martes, os EUA anunciaron que comezaran a reducir a súa presenza militar, que reforzou no último mes ante o rápido ascenso dos talibáns. O Pentágono confirmou onte á noite que "varios centos" de soldados estadounidenses saíran de Afganistán tras cumprir a súa misión no aeroporto de Cabul.

Kirby afirmou este mércores que actualmente os EUA teñen 5.400 militares despregados en Afganistán, en concreto destinados á protección do aeroporto de Cabul, dos 5.800 que mantiveron estes días.

Noticias web

25/08/2021