CRTVG

Buscar

Educación porá en marcha un 'plan recupera' para facer fronte aos efectos da pandemia

Publicado o 09/03/2021 15:01

O conselleiro de Cultura e Educación anuncia a posta en marcha o vindeiro curso dun 'plan recupera' que pretende reforzar as competencias non adquiridas por mor da pandemia.

Nunha comparecencia no pleno do Parlamento, para presentar as liñas estratéxicas do seu departamento, Román Rodríguez explicou que se trata de identificar os "puntos débiles" na formación do alumnado co obxectivo de fortalecer aquelas materias que sexan necesarias.

Tras manifestar que se sente "orgulloso" do sistema educativo galego por estar "á altura" e lograr que a crise sanitaria "non derivase nunha crise educativa", dixo que agora é preciso "avanzar para reactivar Galicia" sen baixar a garda.

Neste sentido, fixo referencia a varias leis que se van elaborar nos próximos meses, como a da transformación dixital da cultura ou a de inclusión e accesibilidade; o novo mapa de titulacións universitarias ou o plan de financiamento das universidades 2022-2026.

Oferta de emprego público

En canto ao profesorado, resaltou a convocatoria no mes de xuño da oferta de emprego público "máis ampla" da historia de Galicia, con 3.894 prazas. Do mesmo xeito, anunciou a elaboración "en breve" das oposicións do vindeiro ano.

Sobre o pazo de Meirás, asegurou que a Xunta seguirá traballando "para conseguir que sexan os galegos os que o xestionen". Segundo o conselleiro, tentarán que o edificio reivindique a figura da escritora Emilia Pardo Bazán, como "faro do feminismo", e favoreza "a superioridade dos valores democráticos sobre calquera ditadura".

Lei orgánica de modificación da LOE

Román Rodríguez recriminoulle ao Goberno central as incertezas xeradas por anuncios "sen concreción" á espera de ver como se implementa a nova lexistación de universidades ou a Lei orgánica de modificación da LOE (Lomloe).

Dixo que Galicia, como "referente en materia lingüística", non vai permitir que o seu modelo propio "se vexa alterado por decisións que respondan a outro tipo de intereses e fomente a intolerancia". Ao seu xuízo, a Lomloe "vai xerar conflitos en cuestións que non inciden na mellora educativa", senón que "só xeran ruído".

"Propaganda hiperbólica"

O deputado do BNG Manuel Lourenzo reprochoulle ao conselleiro que acuda ao Parlamente a abrir "un novo capítulo de autobombo e propaganda hiperbólica", ao xeito do emperador do conto que "presumía" de traxe novo cando ía espido.

Reclamoulle "abordar" unhas contas que reflicten un sistema educativo "debilitado durante anos", cunha "redución do 4,25 % do profesorado ao inicio da pandemia" e un 24 % do alumnado que "usa pouco ou nada a lingua galega".

Lourenzo criticou a estratexia de radicalización do PP contra a suposta "galeguización" do sistema educativo que pensa que implica a Lomloe e considerou unha "irresponsabilidade de libro" usar a lingua como arma arreboladiza.

Na súa réplica, o conselleiro amosouse partidario desta consideración e lembroulle a "tradición histórica" do BNG de usar a lingua como ferramenta política.

"Catálogo de Ikea"

Para o deputado do PSdeG Luís Álvarez Martínez, a batería de iniciativas e plans anunciados polo conselleiro semella máis "un catálogo de Ikea" que unha planificación educativa. Porén, valorou de xeito positivo as medidas que se puxeron en marcha para manter a educación presencial durante a pandemia.

Advertiu que o sector da cultura segue en agonía, malia as medidas anunciadas pola Xunta, porque "non foron un plan de reactivación senón de reprogamación".

Pola súa banda, Román Rodríguez considerou as críticas da oposición como un catálogo de "produtos descatalogados" porque son as mesmas de todos os anos.