CRTVG

Buscar

Educación propón un bacharelato de cinco modalidades e novas materias

Publicado o 27/09/2021 16:45

• Educación acorda unha moratoria dun ano aos exames de recuperación

Educación propón un bacharelato de cinco modalidades e novas materias
EFE               

O Ministerio de Educación e Formación Profesional propoñerá este mércores ás comunidades autónomas ampliar a cinco as modalidades de bacharelato, en lugar das tres que hai actualmente, así como incorporar materias novas.

Segundo a proposta do Ministerio, que se debaterá na Comisión Xeral de Educación este mércores, informan a Europa Press fontes ministeriais, estas modalidades serán o bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía, o de Humanidades e Ciencias Sociais, dúas de Artes (un de Música e Artes Escénicas e outro bacharelato de Artes Plásticas, Imaxe e Deseño) e un bacharelato xeral.

Con respecto ás materias, a proposta do Ministerio pasa por incluír máis dunha vintena de materias en todo o bacharelato, que serán a elixir entre varias polos alumnos.

En 1º de bacharelato, ademais das materias comúns (educación física, lingua castelá e literatura I, filosofía, lingua estranxeira I e, se a houbese, lingua cooficial e literatura I), os estudantes terán que elixir o resto de materias, que serán tres, de dous bloques.

  • Na modalidade de Ciencias e Tecnoloxía, os alumnos cursarán matemáticas I e as dúas restantes teranas que elixir dun total de catro que se ofertan, entre as que se atopa tecnoloxía e enxeñería ou bioloxía, xeoloxía e ciencias ambientais.
  • En Humanidades e Ciencias Sociais, os estudantes poderán escoller, dun primeiro bloque, latín I ou matemáticas aplicadas ás ciencias sociais I, mentres que as dúas restantes poderán ser desde literatura universal a grego I ou economía.
  • En Artes, a modalidade de Músicas e Artes Escénicas terá materias como análise musical I ou artes escénicas (I), e elixirán outras dúas materias de catro, entre as que se atopan coro e técnica vogal I, linguaxe e práctica musical ou cultura audiovisual.
  • No bacharelato de Artes Plásticas, Imaxe e Deseño, os alumnos terán que cursar debuxo artístico I, e poderán elixir outras como cultura audiovisual ou proxectos artísticos, entre outras.
  • No bacharelato xeral, Educación propón que os estudantes teñan que cursar matemáticas xerais, sen posibilidade de elixir outra materia distinta, e despois poderán escoller outras como economía, emprendemento e actividade empresarial.

Xa en 2º de bacharelato, os estudantes terán como materias comúns historia da filosofía, historia de España, lingua castelá e literatura II, lingua estranxeira II e, se a houbese, lingua cooficial e literatura II.

  • Educación propón que os de Ciencia e Tecnoloxía teñan de novo matemáticas (ou ben matemáticas II ou matemáticas aplicadas ás ciencias sociais II) e despois outras dúas de seis, entre as que están Ttecnoloxía e enxeñería II, física ou química.
  • As matemáticas tamén poderán ser cursadas polos alumnos de Humanidades e Ciencias Sociais, como en primeiro curso ou ben elixir latín II. E despois terán que escoller outras dúas materias de cinco, entre as que se atopan empresa e deseño de modelos de negocio, xeografía ou historia da arte.
  • Os alumnos do bacharelato artístico terán materias sobre historia da música e a danza, literatura dramática (no de Música e Artes Escénicas) e materias como técnicas de expresión gráfico-plástica, fundamentos artísticos, deseño ou debuxo técnico aplicado ás artes plásticas e ao deseño II (na modalidade de artes plásticas, imaxe e deseño).
  • No bacharelato xeral, ademais das catro materias comúns, cursarían unha materia sobre ciencias xerais, outra sobre movementos culturais e artísticos e unha terceira que será "materias doutras modalidades de oferta no centro".

Con respecto á educación secundaria, o Ministerio de Educación e FP propón ás rexións que os estudantes de 1º a 3º cursen educación en valores cívicos e éticos nun dos cursos, e tecnoloxía e dixitalización en, polo menos, un curso. Como optativas, unha novidade que presenta esta reestruturación académica é que se poderá oferta un "traballo monográfico, proxecto interdisciplinar ou proxecto de colaboración cun servizo á comunidade".

E en 4º da ESO, todos os estudantes estudarían educación en valores cívicos e éticos (se non se incluíu de 1º a 3º) e matemáticas (A ou B), ademais do resto de materias comúns. Tamén terán que escoller outras tres dun total de dez. Entre estas, hai materias como bioloxía e xeoloxía, dixitalización, economía e emprendemento, expresión artística, física e química, formación e orientación persoal e profesional, latín, música, segunda lingua estranxeira e tecnoloxía.

E como optativas, as materias que establezan as autoridades educativas, que terán en conta, no seu caso, a continuidade das materias optativas ofertadas de 1º a 3º. Segundo o documento de Educación, "estas materias poderán configurarse como un traballo monográfico ou un proxecto de colaboración cun servizo á comunidade".

Moratoria dun ano aos exames de recuperación

A proposta que se debaterá este mércores na Comisión Xeral de Educación tamén avoga por eliminar os itinerarios no ensino secundario obrigatorio. Isto permitiralles aos alumnos coller materias de diferentes modalidades.

A ministra de Educación, Pilar Alegría, decidiu, a petición dalgunhas comunidades autónomas, dar unha moratoria dun ano aos exames de recuperación de xuño, que si desaparecerán definitivamente no próximo curso, 2022-23.

Segundo confirmaron a Efe fontes do Ministerio de Educación, o decreto de avaliación inclúe a suspensión dos exames extraordinarios, aínda que agora desenvolverase unha disposición transitoria para que as comunidades que así o desexen poidan optar este ano por manter os exames de recuperación ou suspendelos.

Con esta moratoria, avanzada polo xornal El Mundo nunha entrevista á ministra Pilar Alegría, preténdese facilitar a organización ás comunidades e non aplicar a moratoria co curso empezado.
Segundo as fontes de Educación, este decreto está aínda en borradores a falta do informe do Consello de Estado para que poida ser aprobado en Consello de Ministros.

Polo menos cinco comunidades autónomas (Galicia, Madrid, Murci, Andalucía e Canarias) manterán este curso escolar, xa iniciado, os exames de recuperación en Secundaria, segundo aseguraron a Europa Press fontes das distintas autonomías. 

En Galicia, a idea tamén é manter os exames de recuperación este curso, aínda que aseguran que están á espera de que se concrete o real decreto, que cualifican de "ambiguo". 

Noticias web

27/09/2021