CRTVG

Buscar

Eduardo Coudet: "Ás veces xogamos ao que podemos e ás veces xogamos ao que queremos"

Publicado o 09/02/2021 16:16

Eduardo Coudet, adestrador do Celta, expresou tras o 2-2 contra o Atlético de Madrid no Wanda Metropolitano, que o seu equipo veu buscar "os tres puntos" e queda "con sabor" de que podían logralos, aínda que remarcou a dificultade do duelo ante "o mellor da liga".

"Viñemos buscar os tres puntos. A gañar. Fixemos un gran primeiro tempo e creo que non podemos falar de erros nos goles, senón virtudes deles. Na última pelota do primeiro tempo marcáronnos gol. E no segundo tempo bastante cedo nos fixeron o segundo", repasou durante a conferencia de prensa.

"Sabendo que é un rival de coidado, o mellor da liga, co mellor adestrador e un equipo durísimo, a verdade que viñemos buscar os tres puntos, levámonos un e quedámonos cun sabor de que podían ser tres, pero sabemos que é un rival moi difícil na súa casa. Sobre todo, vou ben coa idea de xogo, a intención e sempre pensando en mellorar. Enfrontar ao líder e xogar desta maneira quere dicir que o podemos facer", salientou.

"Ás veces xogamos ao que podemos e ás veces xogamos ao que queremos", rematou o técnico arxentino.



 

Noticias web

09/02/2021