CRTVG

Buscar

Eduardo Coudet mellora e socializa o gol no Celta

Publicado o 22/12/2020 14:10

O caso Galhardo é o paradigma alén mar das habilidades reconversoras de Eduardo Coudet. O medio brasileiro mudou en goleador co técnico na súa etapa en Internacional. A dinámica reprodúcese agora a este lado do charco.

O golazo de Brais Méndez o pasado domingo confirma o ollo clínico de Coudet para tirar un sorprendente proveito das calidades de cada xogador.

As remudas que o adestrador arxentino está provocando no Celta van moito máis aló de Brais Méndez e a súa explosión competitiva. Coudet socializou o gol celeste eliminando de raíz o monocultivo obrigado de Iago Aspas. O de Moaña produce agora máis do que concreta e a nómina do gol amplíase ata a oito xogadores celestes.

Eduardo Coudet, adestrador do R. C. Celta: "Temos que crear oportunidade de gol a todos os nosos xogadores".

Dezaoito goles marcou o Celta entre Liga e Copa desque chegou Coudet. Dezaoito goles en cinco partidos e moi repartidos nunha 'pedrea' con sorpresa: os tres de Brais Méndez, e os dous de Fran Beltrán e Hugo Mallo. O Celta é agora máis profundo. atrás medrou a solidez defensiva e arriba Aspas reparte cartas con dilixencia na mellor man dos celestes que xa só miran para arriba.


Noticias web

22/12/2020