CRTVG

Buscar

O Consello Galego de Economistas prevé un maior ritmo de recuperación na comunidade

Publicado o 27/04/2021 11:48

Galicia podería recuperarse da crise económica xerada pola pandemia da covid-19 a un ritmo parecido, ou mesmo "superior", ao resto de España. Esta é a principal conclusión do barómetro presentado polo Consello Galego de Economistas, que recolle a opinión de 5.000 profesionais.

Nunha conferencia de prensa telemática, o seu presidente, Miguel Ángel Vázquez Taín, recoñeceu que Galicia adoita recuperarse máis tarde das crises que ciclicamente afectan a nosa comunidade.

Porén, subliñou que neste caso partimos dunha realidade distinta, cun "novo escenario" pola achega de fondos europeos para estimular o crecemento, a través da sostibilidade ambiental e da promoción dixital. Tamén inflúen factores, sinalou, coma unha menor dependencia do turismo internacional.

Neste contexto, asegurou que a recuperación en Galicia podería ir "ao mesmo ritmo" ca a media do Estado ou mesmo a "un ritmo superior". Segundo Vázquez Taín, experto en fiscalidade, o "gran reto" está na "xestión deses fondos" da Unión Europea, e por iso reclamou máis cooperación entre as administracións públicas para facilitar unha tramitación "áxil".

Rebaixar a fiscalidade

Para o economista Venancio Santalices, o "barómetro" puxo de manifesto unha corrente a prol da rebaixa da fiscalidade para estimular o crecemento. Asegurou que o sector financeiro prognostica unha continuación dunha onda expansiva da economía no segundo semestre deste ano.

Na súa opinión, estará alentada polo "vento de cola" que propulsará, entre outros aspectos, que parte da poboación empece a "sacar a máscara" de protección contra a transmisión do coronavirus.

Economistas e profesionais tamén prognostican, segundo dixo, que non haberá unha "avalancha de acredores" e apuntou que algúns sectores xa están a dar signos de recuperación, entre eles, o da construción.