CRTVG

Buscar

Sánchez ve en Casado a peor versión do PP: "Transfuguismo e corrupción"; o popular dille: "O Goberno váiselle das mans"

Publicado o 17/03/2021 11:20

O presidente do Goberno Pedro Sánchez e o líder do PP Pablo Casado entraron de cheo este mércores na precampaña madrileña cun duro cruzamento de acusacións no Pleno do Congreso, en que o xefe do Executivo denunciou a "corrupción", o "transfuguismo" e a "ultradereita" dos populares, e Casado acusou a Sánchez de que o país se lle "vai das mans" e o seu Goberno "fai augas".

"Xa sabe que pasa cando un barco comeza a facer augas, que empeza a saír del", afirmou Casado, en relación á decisión do líder de Unidas Podemos Pablo Iglesias de deixar o Goberno e a Vicepresencia segunda para ser o candidato do seu partido nas eleccións autonómicas de Madrid do 4 de maio.

Casado fixo referencia expresa a estes comicios, ao asegurar que o 4 de maio vai gañar en Madrid o "centro dereita" e vaise a impoñer "a liberdade" e a "seguridade" ao "populismo" e a "ruína". "Ai señor Casado, que estamos en campaña. Todos os mércores nos toca un mitin de Casado", ironizou Sánchez na súa réplica, antes de acusar o PP de "corrupción e transfuguismo" e de apostar polo cambio, pero cara á "ultradereita". "Non fai falta que cambien de sede, queden en Xénova e aforre a mudanza porque representa a peor versión do PP, a da corrupción e a ultradereita", salientou.