Duras restricións en moitas comunidades para frear a expansión do virus
Estremadura, A Rioxa, Castela-A Mancha e Comunidade Valenciana establecen a partir deste xoves confinamentos perimetrais e un toque de queda que adiantan ás dez da noite. Súmanse así a Cataluña, Murcia e as Illas Baleares, que xa anunciaran con anterioridade novas limitacións para tentar frear a expansión do virus.
En Estremadura hostalería e locais comerciais pecharán durante toda unha semana como mínimo, dependerá da evolución epidemiolóxica. Nas Baleares a cousa non mellora desde que bateron a marca de pacientes covid nas UCI de Mallorca, chegando case a 100 ingresados.
Cataluña suma case 4.500 novos contaxios e 75 mortes nas últimas 24 horas, con preto de 500 pacientes ingresados nas UCI.
En Murcia baten tamén a súa marca de contaxios desde o inicio da pandemia con máis de 1.100 novos casos con case 6.000 casos activos, dato que non se vía desde finais de novembro.
O aumento das hospitalizacións e da ocupación nas UCI anticipa a chegada dunha perigosa terceira vaga da pandemia, que se vai desenvolver en paralelo á primeira fase da campaña de vacinación.