CRTVG

Buscar

Dura derrota do Lugo de Alberto Monteagudo en Mallorca

Publicado o 17/02/2019 15:26

O betanceiro Dani Rodríguez marcou dous dos tres goles baleares

Se algo quedou claro en Son Moix é que ao Lugo lle sentou mal madrugar. De feito, nos once primeiros minutos recibiu tres disparos, dous cartóns amarelos e un gol. O que lle fixo Dani Rodríguez no minuto oito aproveitando unha gran xogada de Budimir.

O croata vaise do debutante Menosse e asiste para que o galego marque o seu segundo gol no campionato.

Os baleares superaron de principio a fin aos de Monteagudo, incapaces de crear perigo e de conter as avalanchas mallorquinas levadas por Lago Junior, Ariday e Budimir. As catro novidades presentadas polo adestrador no equipo inicial tampouco surtiron efecto.

As entradas de Cristian Herrera e Muñiz por Aburjania e Lazo antes da hora de xogo tampouco melloraron os lucenses, que recibiron un segundo gol no minuto 68. Foi logo dunha gran acción de Lago Junior, que se vai de  Valentín e que volve aproveitar o betanceiro Dani Rodríguez para facer o dous a cero.

Non parou aí o Mallorca, que gañou imbatido seis dos sete últimos partidos en Son Moix. Esta vez sería por tres a cero logo deste penalti de Vieira a Dani Rodríguez no engadido. Co público pedindo que o lanzase o galego para complear a tripla, Lago Junior transformouno sumando o seu décimo gol no campionato.

Terceira derrota consecutiva do Lugo, que só gañou un dos nove últimos partidos. Unha situación que deixa moi tocado a Monteagudo. Malia todo, o técnico non teme polo seu posto.

Noticias web

17/02/2019