CRTVG

Buscar

Duque viaxa de novo a Cali para tentar aplacar as protestas, que deixan xa máis de 40 mortos

Publicado o 11/05/2021 23:20
EFE

O presidente de Colombia, Iván Duque, viaxou este martes á cidade colombiana de Cali, epicentro das protestas que vive Colombia desde hai 14 días, despois de visíta lóstrego da madrugada do luns e para reunirse de novo casn autoridades locais e buscar unha saída á crise. A Defensoría do Pobo recibiu o informe de 42 mortos durante as protestas, segundo informou este martes nun documento no que tamén recolleu que 168 persoas dadas como desaparecidas continúan sen ser localizadas.

O mandatario viaxou sen anuncio previo a esta cidade, a terceira máis importante do país, para reunirse, como xa fixo na súa visita da noite do domingo ao luns que durou catro horas, co seu equipo alí desprazado e a gobernadora do departamento do Val do Cauca, Clara Luz Roldán, e co alcalde de Cali, Jorge Iván Ospina.

A visita ten lugar en metade dunha das maiores crises políticas e sociais que vive Colombia nos últimos anos despois de 14 días de protestas e mobilizacións sociais con decenas de miles nas rúas protestando contra as políticas de Goberno colombiano. Queda por ver se, a diferenza do luns, se reúne esta vez coas organizacións que están detrás das protestas nesta cidade ou visita algún dos barrios afectados polos bloqueos ou as mobilizacións.

O mandatario repite nos últimos días un discurso firme para levantar os bloqueos que teñen á cidade nunha tensa situación con falta de combustible e algúns produtos básicos, sobre todo nas primeiras semanas xa que desde o domingo se abriron corredores humanitarios e as forzas de seguridade pactaron cos manifestantes desbloquear algúns puntos. Duque atópase inmerso nos últimos días nunha rolda de diálogos con varios sectores da sociedade civil e política que lle levaron a reunirse o luns cos sindicatos e organizacións que están detrás do Comité Nacional do Paro, nun encontro que acabou sen acordos.

Sindicalistas, organizacións sociais e os profesores, entre outros os que se agrupan baixo a antuca do Comité Nacional do Paro, convocaron para o vindeiro mércores a unha nova folga nacional, a terceira das protestas.

A pesar de que Duque retirou a reforma fiscal, principal motivo das protestas, as mobilizacións dos mozos centran as súas peticións en que o Goberno debe buscar mecanismos para ofrecerlles verdadeiras oportunidades de traballo, de educación, que cese a brutalidade policial e que se retire do Congreso un intento de reformar a saúde (que abre fórmulas para as privatizacións), entre moitas outras demandas que se escoitan nas rúas.

Para conseguir unha solución á crise que ten no abismo ao país, o Goberno colombiano asegurou hoxe que está disposto a comezar un ciclo de conversas permanentes co Comité Nacional do Paro.

 En Cali é onde se viviron os feitos máis violentos, sobre todo entre o 30 de abril e o 3 de maio, con episodios de brutalidade policial contra os manifestantes que deixaron 35 mortos, segundo organizacións sociais. A tensión volveu subir o domingo cando en distintos vídeos quedou rexistrado o uso de armas automáticas e de longo alcance por parte de presuntos habitantes das zonas máis exclusivas do sur da cidade contra a minga (marcha) indíxena.

 A Policía Metropolitana de Cali, con todo, acusou os indíxenas de estar a saquear casas e bloques de apartamentos, e de lesionar a catro persoas, polo que, aseguraron, tiveron que acudir en "chamado de auxilio da comunidade do sector".

Noticias web

11/05/2021