Iván Duque convida a Feijóo a visitar Bogotá cunha misión comercial
Primeira viaxe dun presidente a Galicia neste ano santo, e non só para cumprir coa tradición xacobea. Iván Duque veu con parte de seu Goberno para reforzar as relacións empresariais. Mentres se reunía con Feijóo, dous dos seus ministros visitaban un dos parques eólicos galegos máis importantes na procura de aliados.
"Estamos inaugurando o maior parque eólico de Colombia en decembro e queremos que as empresas galegas participen na poxa de renovables e poidan levar unha solución enerxética que nos interesa que son as granxas eólicas costa fóra. Aquí, en Galicia, fíxose unha transición enerxética monumental", afirmou Duque.
O presidente de Colombia animou as empresas pesqueiras e da construción, xa moi presentes no seu país, a seguir investindo alá. Iván Duque dixo tamén que lles interesa a experiencia galega en tecnoloxías da saúde, como a historia clínica electrónica.
"Unha das rexións de España que marcou un fito de tecnoloxía aplicada á saúde é Galicia. Nós sacamos o marco regulatorio do historia clínica en liña e queremos aprender da experiencia de Galicia", dixo o mandatario colombiano.
Duque convidou a Feijóo a visitar Colombia o antes posible cunha delegación empresarial para impulsar os negocios entre as dúas terras.
"Eu aceptei con moito gusto e agardo e desexo poder velo. Poñémonos á disposición do goberno colombiano", afirmou o presidente da Xunta.
Alberto Núñez Feijóo e Iván Duque tamén falaron de facer intercambio de estudantes entre Galicia e Colombia e de impulsar as coproducións audiovisuais.