Duplícanse as sancións en Cuntis por infrinxir as restricións de mobilidade
As autoridades locais cifran en 28 as persoas con contaxio activo de coronavirus neste concello de 4.700 habitantes, o que sitúa a incidencia acumulada por riba dos 500 casos por cada 100.000 habitantes e impide dobregar a curva municipal da pandemia. Por iso, decidiron actuar con maior dureza para garantir o peche perimetral.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, explica: "Avisamos durante moitos días que iamos ser intransixentes cos movementos da xente, e que a xente estaba realizando unha mobilidade que non se debía facer, e así se comprobou. Estamos facendo controis de seguridade sorpresivos durante pouco tempo e vanse cambiando dun lado a outro, e dan resultados".
Resultados que ao longo dos tres meses anteriores se traduciron en 49 sancións e que só nas dúas últimas fins de semana dobraron esa cifra, cos controis dinámicos da Policía Local e da Garda Civil.
"Das 49 denuncias que hai en tramitación xa hai outras tantas que se van tramitar a partir desta semana", confirma Campos.
Os escasos veciños que camiñaban esta mañá pola zona urbana amosaban o seu acordo coas medidas.
"Se esa é a maneira de que a xente o entenda, se o teñen que facer que o fagan", dicía unha delas. Outro ancián concluía: "As normas hai que cumprilas, se non estamos perdidos".
As sancións poden acadar os 600 euros e en dous dos casos a cantidade multiplicouse pola negativa dos infractores a identificarse ante a policía.