CRTVG

Buscar

Vedan a pesca no encoro de Vilagudín tras a aparición de ducias de gaivotas mortas

Publicado o 10/09/2021 13:15

A Xunta de Galicia dediciu vedar a pesca no encoro de Vilagudín, moi preto de Ordes, logo de que aparecesen na zona ducias de gaivotas mortas. Foi un vídeo subido ás redes sociais pola asociación ecoloxista Amigos da Terra o que deu a voz de alarma. Ducias de gaivotas patiamarelas apareceron mortas nas marxes do encoro de Vilagudín, entre os concellos de Ordes, Tordoia e Cerceda.

As aves mortas foron trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros para a toma de mostras, pero na contorna do encoro seguen aparecendo máis. Polo momento descoñécense as causas desta alta mortaldade. Á vista das primeiras observacións, segundo a Consellería de Medio Ambiente, podería ser unha intoxicación, tal como sucedeu en episodios anteriores.

A veda de pesca nas augas encoradas en Vilagudín manterase ata que se determinen as causas deste episodio e o seu impacto sobre a fauna e o estado do medio acuático.

O encoro de abastecemento de auga é un couto de pesca habitado por moitas especies, que atopan aquí o seu alimento. Hai cinco anos, outro episodio de alta mortaldade de aves fixo que a Xunta prohibise a pesca temporalmente. Os axentes de Medio Ambiente continúan as inspeccións para seguir a evolución do incidente.

 

Noticias web

10/09/2021