CRTVG

Buscar

Ducias de afectados en Lugo con recibos da auga desorbitados debido aos atrasos na lectura dos contadores

Publicado o 13/05/2021 14:05

Amparo, veciña do barrio lugués de Castro Gil, é unha das moitas afectadas polos atrasos na lectura dos contadores da auga da traída. O trimestre que non lle computaron ningún metro cúbico, pagou o mínimo, pero ao seguinte sumáronlle todo, subiu de tramo no consumo e disparóuselle a factura, polo que acabou pagando o triplo. Coma a ela, pasoulle o mesmo aos residentes nesta e noutras zonas da cidade, con recibos que mesmo superaron os 1.000 euros.

Amparo Rodríguez, afectada polos atrasos na lectura da auga: "Levaban seis meses sen mirar os contadores e pasáronme unha facturación de máis de 370 euros. Se correspondese ao tramo dos tres meses, a lectura sería correcta, pero corresponde a seis meses. Estou pagando como se fixera o gasto en tres meses".

Ante estes fallos na lectura da auga, os afectados xa comezaron a presentar reclamacións. Demandan, ademais, que o Concello se asegure de dispoñer do persoal necesesario para revisar os contadores.

Marcos Núñez, afectado polos atrasos na lectura da auga: "A reclamación xa está posta. Agora estamos esperando a resolución, que tal como vai todo isto imaxino que tardará bastante".

Pola súa parte, dende o Concello instan os afectados a que reclamen e sinalan que a lectura vindeira se fará correctamente.

Noticias web

13/05/2021