CRTVG

Buscar

Dúas traballadoras escorrentan o atracador dun supermercado en Ribeira

Publicado o 11/08/2020 14:00

Violento intento de atraco nun supermercado de Ribeira. O ladrón acabou fuxindo sen os cartos e perseguido por dúas empregadas e outro veciño. A policía intenta agora dar con el. Pero a día de hoxe, levar máscara xa non chama a atención en ningún establecemento.

A información policial do sucedido neste supermercado, que está no centro centro de Ribeira, non confirma se o autor da acción portaba arma de fogo nin se era de simulación.

O individuo entrou na tenda, fixo a compra e cando ía pagar dixo que quería entregar un currículo. Atendeuno a encargada na oficina e aí púxolle algo apoiando na parte posterior da cabeza a xeito de pistola e pediulle os cartos.

A vítima alertou as compañeiras da sala de vendas e a caixeira máis próxima acudiu na súa axuda. Coa súa actitude, as dúas empregadas lograron que o individuo escapara sen botín.

Así o relatan Eva e Ana, dúas testemuñas da fuxida: "Onte preto das dúas e media da tarde, porque estabamos recollendo para pechar, vimos unha persoa correr por onde están os colectores, perseguido por dúas caixeiras do Gadis que berraban e ían detrás del e máis un mozo que ía camiñando por aí e se uniu a elas. Logo soubemos que o primeiro acaba de atracar", di Eva.

Ana continúa: "Foi todo rapidísimo. Saíu o mozo correndo e elas tamén a toda velocidade detrás. Cando nós fomos ao pechar estaba a policía mirando, pero nada. Non colleran a ninguén".

No interior do supermercado o atracador, con máscara, non levantara ningunha sospeita.

Eva di que na rúa xa ía sen máscara: "Levaba unha camiseta branca e un pantalón escuro. Corría sen máscara, a cara descuberta. Tiña trazos suramericanos, ao meu parecer. A min non me soa de nada. Vinlle a cara perfectamente, porque xusto eu estaba nesa porta e el mirou para dentro. Un tipo novo, anchote, fortote. Non moi alto, é que me fixei niso, que levaba camiseta branca e coa cara desencaixada de correr".

Os asaltante logrou zafarse das perseguidoras e continuar a súa escapada pola rúas de Ribeira. A Policía Nacional leva as pescudas do suceso.

A traballadora ameazada precisou de atención sanitaria polo seu estado de nerviosismo e hoxe non estivo no supermercado. A compañeira que a axudou si estaba na tenda e díxonos que foi un momento moi forte e que aínda lle dura o impacto desa vivencia.

Noticias web

11/08/2020