Dúas semanas de subas de casos activos en Galicia, que suman xa 412
Seis novos casos de coronavirus en Galicia nas últimas 24 horas, sitúan a cifra total en 412 infectados. A Coruña segue á cabeza como a área máis afectada, con 156 contaxiados, pero o dato positivo é que nas últimas 24 horas hai 5 casos activos menos, xa que se produciron 21 altas.
O gromo máis importante segue sendo o orixinado ao redor do ximnasio de Meicende. Precisamente o Xulgado de Instrución número 8 da Coruña acaba de emitir un auto que obriga o porteiro dun local de Oleiros, orixe dese gromo, a gardar corentena no seu domicilio xa que segundo constataron os rastrexadores do Sergas, estaba incumprindo ese mandato.
Unha actitude que dista da que adoptaron algúns establecementos hostaleiros da comarca como Carballo ou A Laracha, que decidiron pechar por prevención aínda que non teñen positivos entre os seus empregados.
Tamén permanece pechada a tenda Lefties situada no centro comercial Marineda City ao dar positivo unha traballadora. Tras coñecerse o resultado pecharon o establecemento para desinfectalo.
O incremento de casos na área da Coruña nos últimos días fai temer a poboación pola posibilidade de que as autoridades decidan adoptar medidas drásticas de control.
Hai 19 persoas hospitalizadas, 1 menos ca onte e dúas delas seguen na UCI, unha no CHUAC e outra en Vigo, que xa superou a Lugo en número de casos: hai 75.
O último gromo alí esta vencellado a dúas familias de Madrid que viñeron de vacacións e agora están confinadas nos seus domicilios.
73 infectados hai en Lugo, un menos ca onte e a área sanitaria onde máis aumentou o numero de positivos nas últimas horas foi a de Pontevedra: 6 máis, que suman 41 en total.
Un gromo en Avión eleva a 32 a cifra de contaxiados na área de Ourense. Son dúas mulleres que deron positivo ao rastrexar os contactos dunha primera afectada que tamén reside neste concello. Ese gromo súmase aos activos en Baños de Molgas, Vilar de Barrio, Chandrexa de Queixa e O Carballiño.
Tamén hai dous contaxiados máis na área de Santiago, que fan 30. En Ferrol mantéñense activos 5 casos.
Dúas semanas de subas de casos activos en Galicia, que suman xa 412 | CRTVG https://t.co/jRudGQc0x8 pic.twitter.com/jZ6pCIJ2fA
— G24 (@G24Noticias) August 6, 2020