O coche bateu contra o baixo dunha vivenda
A investigación policial tentará esclarecer que foi o que lle sucedeu ao condutor do vehículo que esta madrugada sufría unha saída de vía á entrada da vila coruñesa de Noia, a altura da parroquia de Argalo, e que acabou batendo contra o baixo dun edificio. A estrada, que ten restrición de velocidade nesta zona, non presentaba pegadas de freada. Pouco despois presentábanse no lugar os servizos de emerxencias.
Dende o Servizo de Emerxencias de Noia manifestaban: "Recibimos unha chamada da Policía Local de Noia dicindo que tiñamos un accidente con dúas persoas graves. Ao chegar aquí xa vimos que estaban atrapadas no vehículo e procedemos á excarcelación. Chegaron os compañeiros do Parque de Bombeiros de Boiro e os compañeiros do GES de Brión que colaboraron con nós en todo momento, ata que sacamos as vítimas e pasámolas á ambulancia."
As dúas persoas que viaxaban no vehículo eran dous veciños de Noia. O condutor, un mozo de 21 anos, e a acompañante, unha muller de 41 anos, quedaron atrapados entre os ferros do vehículo.
Os membros do equipo de emerxencias afirmaron que nese momento aínda estaban conscientes e que entón decidiron pasalos á unha ambulancia.
Malia a intervención dos equipos sanitarios as dúas persoas faleceron no lugar do sinistro. Os veciños aseguran que nesta curva xa se produciran accidentes similares aínda que sen a gravidade do acontecido esta madrugada e algúns piden que se instalen resaltes para reducir a velocidade dos vehículos. O tramo estivo controlado mentras duraron as tarefas de retirada do turismo pero non se produciron retencións.