CRTVG

Buscar

Dúas novas testemuñas declaran nos xulgados pola morte dun home en Noitevella en Oleiros

Publicado o 09/01/2020 14:15

Á espera dos resultados da autopsia, o xulgado de instrución número 2 da Coruña continúa coas dilixencias para esclarecer os feitos. Así, esta mañá, a xuíza tomoulles declaración a dous mozos, que forman parte do grupo do mozo que está xa na cadea, en calidade de testemuñas. 

"Simplemente están manifestando o que xa dixeron perante a Garda Civil e facendo referencia a que houbo unha discusión que deriva nunha pelexa, que houbo uns golpes e que o resultado é o falecemento dunha persoa por unha causa que aínda estamos pendentes de determinar", di José Ramón Sierra, avogado da defensa.

A pelexa producíronse arredor das seis da mañá do pasado 1 de xaneiro durante a celebración dunha festa de Noitevella nun hotel da localidade oleirense de Bastiagueiro. Nela participaron varias persoas de dous grupos. Tras os feitos, foron detidos dous mozos. Un deles, de 33 anos, quedou en liberdade coa obriga de comparecer cada 15 días no xulgado e en condición de investigado por un delito de lesións. Para o outro, de 27 anos e coñecido da vítima, a xuíza decretou o seu ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza como investigado por un delito de homicidio. 

"Nós agardamos que se os resultados da autopsia confirman o que nós pensamos que é a causa da morte, tamén este rapaz sexa posto rapidamente en liberdade. Está por homicidio doloso e nós pensamos que esa non é a calificación correcta...", asegura o avogado defensor.

Para esta mañá estaba prevista tamén a declaración da camareira do hotel de Bastiagueiro que presenciou os feitos, porén atópase fóra da cidade e citárona para outro día.

Con todo, o próximo martes, 14 de xaneiro, declararán perante a xuíza o pai e mais o cuñado do falecido. Ambos farano en condición de investigados por un suposto delito de lesións.

Noticias web

09/01/2020