Dúas mulleres transplantadas comparten órganos dun mesmo doante
É unha historia insólita e que sucede en moi contadas ocasións: dúas mulleres transplantadas, unidas polos órganos dun mesmo doante. Elas son Mercedes e Peregrina.
Estas dúas mulleres que contemplan a praia de Santa Cristina desde o Hotel de Pacientes do Hospital Universitario da Coruña recupéranse de cadanseu transplante de pulmón. O 25 de agosto, estas veciñas de Vigo coincidían en dous quirófanos do complexo hospitalario. Comparten os órganos dun mesmo doante. Unha circunstancia extraordinaria que as uniu desde entón.
"Imos xuntas a todos lados des que o soubemos. Estivemos xuntas en reanimación e na planta os mesmos días. Apoiámonos mutuamente. Cando ela está mal, eu tiro dela. E ao revés", conta Mercedes.
"Para min é unha satisfacción, por riba sendo veciñas", di Peregrina.
A delas é unha situación que pode suceder unha ou dúas veces ao ano. Agora, Mercedes e Peregrina comparten rutinas e expoñen os seus casos para mentalizar sobre a importancia da doazón.
"Que as persoas sigan doando, porque salva vidas e a persoa que falece non o necesita".