CRTVG

Buscar

Draghi promete un goberno "proeuropeo e atlantista"

Publicado o 17/02/2021 12:42
Draghi promete un goberno "proeuropeo e atlantista"

O primeiro ministro italiano prometeu este mércores, durante o discurso de investidura no Senado, que o seu Goberno será "proeuropeo e atlantista". Segundo dixo, terá unha "fonda" vocación "a prol do multilateralismo eficaz", baseada "no papel insubstituíble das Nacións Unidas".

Nunha longa intervención, Mario Draghi debullou polo miúdo as liñas fundamentais do seu programa e detallou as numerosas reformas que quere levar a cabo, dende a xustiza ata a fiscalidade, pasando pola Administración pública ou a educación.

Ademais, explicou as liñas da súa política internacional. Neste sentido, asegurou que as súas prioridades seguen a ser os Balcáns, o Mediterráneo ampliado, dándolle unha especial relevancia a Libia, e África.  

Salientou que a "pandemia revelou a necesidade de buscar un intercambio máis intenso cos socios" máis próximos. "Suporá a necesidade de estruturar e fortalecer mellor a relación estratéxica e esencial con Francia e Alemaña", subliñou, "pero tamén consolidar a colaboración con Estados cos que compartimos unha sensibilidade mediterránea específica".

Do mesmo xeito, mencionou como un desafío a negociación dun novo pacto polas migracións e o asilo. "Buscaremos un fortalecemento decisivo do equilibrio entre a responsabilidade dos países de primeira entrada e a solidariedade efectiva", prometeu. Tamén apostou pola contrución dunha política europea para a repatriación de quenes non teñen dereito a protección internacional.

No canto á presidencia italiana do G20 neste 2021, Draghi asegurou que o seu obxectivo será centrarse na saída da pandemia e no impulso dun crecemento verde e sostible "en beneficio de todos".