CRTVG

Buscar

Draghi avisa a Italia dunha nova onda e aumenta as rexións confinadas

Publicado o 12/03/2021 19:09

O primeiro ministro italiano, Mario Draghi, avisou hoxe de que o país atravesa "unha nova onda" de contaxios de coronavirus e agradeceu a paciencia da poboación ante as últimas restricións decretadas para a Semana Santa.

"Un ano despois do inicio da emerxencia sanitaria estamos lamentablemente ante unha nova onda", afirmou Draghi tras visitar o centro de vacinación do aeroporto romano de Fiumicino.

Os datos así o demostran: na última semana acumuláronse 150.175 novas infeccións, fronte ás 130.816 da pasada, un 15 % máis. Nestas dúas semanas as hospitalizacións creceron en case 5.000 pacientes e os enfermos en Coidados Intensivos en 650. Por esa razón, e ante a chegada da Semana Santa, o Goberno de Mario Draghi, apoiado por case todos os partidos do Parlamento, aprobou un decreto con novas restricións.

Entre o vindeiro luns e o 6 de abril, todas as rexións que teñan unha incidencia semanal de 250 contaxios por cada 100.000 habitantes pasarán automaticamente a "zona vermella", un réxime de confinamento brando con todas as tendas non esenciais pechadas. Nos días festivos, é dicir, do 3 ao 5 de abril, todo o país pasará a considerarse "zona vermella", aínda que se poderá visitar parentes dentro da rexión e acudir a outras residencias, unha vez ao día e só dúas persoas, sen contar os menores de 14 anos.

O Ministerio de Sanidade confirmou que 11 das 20 rexións estarán a partir do luns en "zona vermella": son A Lombardía, O Piamonte, A Emilia- Romaña, Friuli-Venecia Julia, O Véneto, Trento (norte), As Marcas (centro), Campania, Apulia e Molise (sur) e O Lacio, con capital en Roma, e estase valorando incluír Basilicata (sur). O resto quedarán no nivel medio de alerta, menos a illa de Sardeña, que se mantén practicamente sen restricións. 

Noticias web

12/03/2021