CRTVG

Buscar

Dous xulgados galegos conceden o permiso de paternidade a dúas familias monomarentais

Publicado o 24/06/2021 15:25

Adriana Martínez Losada, nai de Zaire, conta que a nena "naceu en setembro de 2020, ten nove mesiños e empezamos a gozar deste permiso en abril, e a próxima semana xa rematamos as doce semanas de permiso de paternidade".

Adriana elixiu formar unha familia monomarental, ao nacer Zaire comezou o permiso de maternidade, agora goza do permiso de paternidade, un dereito que tivo que reivindicar nun xulgado de Ourense.

"Sabiamos que o camiño a seguir era a demanda, a vía xudicial, en busca de que a miña filla teña os seus dereitos como os fillos de familias biparentais", explica. 

Beatriz Fernández Blanco tamén elixiu ser nai sen parella. Lúa naceu en novembro de 2020. A súa nai pediu gozar do permiso de paternidade e un xulgado de Vigo concedeullo.

"As familias son diversas e deben ter os mesmos dereitos, os nenos e as nenas deben ter os mesmos dereitos a ser coidados", asegura.

Enrique Fonte Boavila, o seu avogado, explica: "É modificar os estatuto dos traballadores e recoller esa situación. En caso de familias monoparentais, a nai terá dereito a gozar do segundo período, que lle correspondería ao pai, tan simple coma iso". 

Porque a longo prazo o obxectivo é conseguir cambios lexislativos. Outras duas sentenzas no País Vasco e en Valencia apuntan na mesma dirección. En España, a asociación Nais Solteiras por Elección ten xa 1.777 integrantes.

Beatriz Fernández Blanco conclúe: "O 83 % das familias monoparentais son mulleres, pero tamén o 17 % son homes que deciden exercer a paternidade en solitario. Dous millóns en total de familias monoparentais a nivel de España, creo que merece a pena".

Noticias web

24/06/2021