97 mortos e dous sobrebreviventes tras esnafrarse un avión nunha zona residencial de Karachi
Publicado o 23/05/2020 10:41
Un avión da compañía Pakistan International Airlines esnafrouse no Paquistán nunha zona residencial de Karachi con 99 persoas a bordo. Deixa 97 falecidos e só dous sobreviventes entre os seus ocupantes.
O piloto avisou por radio de que sufría problemas técnicos cando se dispoñía a aterrar e estrelouse nunha zona residencial próxima ao aeroporto en Karachi, o seu destino. O avión foi perdendo altura e golpeou contra os tellados dos edificios.
As televisións locais mostraron imaxes dun dos motores entre os cascallos das casas, unha gran columna de fume e feridos. Os bombeiros tardaron horas en apagar o incendio que se declarou na zona. Entre os veciños hai oito feridos, algúns con queimaduras no 60 por cento do corpo.