CRTVG

Buscar

Dous policías quedaron feridos durante unha redada en Lugo

Publicado o 07/05/2021 13:56

A pelexa entre os axentes de policía e os dous presuntos traficantes de droga que tentaban deter acabou cou dous membros do corpo policial feridos. As mancaduras producíronllelas os cristais da porta de entrada ao local de hostalería, que rompeu durante a liorta. A policía estaba facendo un seguimento os dous individuos ao sospeitar que poderían levar enriba ata 150 gramos de cocaína para a súa venda. Cando decidiron prendelos no interior deste local do barrio da Milagrosa, opuxeron unha forte resistencia e foi precisa a intervención de varios axentes para inmobilizalos. O suceso causou moita sorpresa nesta zona de Lugo.

Javier Serén, asociación veciñal da Milagrosa: "Falouse hoxe moito do caso porque non é normal que sucedan estas cousas, e menos coa policía agredida".

Os axentes feridos perderon abundante sangue e foi preciso realizarlles un torniquete antes de levalos ao hospital para que lles curasen as feridas. Malia o acontecido, os veciños aseguran que este é un barrio tranquilo e seguro.

Javier Serén, asociación veciñal da Milagrosa: "Este é un barrio tranquilo e normal, e o que pasou é algo excepcional".

Agora estase a investigar se os propietarios do establecemento tiñan algunha conexión co tráfico de drogas ou mesmo se se trata dun punto de distribución dos estupefacientes.