CRTVG

Buscar

Un choque frontal durante unha manobra de adiantamento deixa dous mortos en Outes

Publicado o 05/08/2019 09:35

Eran arredor das nove da noite. Unha colisión frontal entre dous turismos que circulaban pola estrada comarcal que une Santa Comba con Muros ao seu paso polo municipio de Outes acabou coa vida dun home e unha muller de 62 e 60 anos. Os falecidos son Ramón Cao, presidente do club de fútbol coruñés Ciudad Jardín, e a súa muller, segundo confirmou a Federación Galega de Fútbol. No operativo de emerxencias participaron varios equipos de Protección Civil, Trafico, servizos médicos, un helicóptero e os bombeiros de Santa Comba. 

"Ao chegar alí, efectivamente, atopamos un choque frontal entre dous vehículos. Un deles como consecuencia do mesmo con saída de vía con dúas persoas sen sinais vitais e atrapados. E outro vehículo, un todoterreo, un Volkswagen Tiguan, co condutor sendo evacuado polo persoal do H3 de Santiago. E o resto da familia unha muller e mais dous fillos na beirarrúa sendo atendidos polo 061", di Alberto Villanueva Rey, cabo do parque de Bombeiros Xallas-A Barcala.

Como consecuencia do impacto, os catro ocupantes do outro vehículo, unha parella con dous fillos menores de idade, quedaron feridos. O peor parado foi o condutor, que quedou ferido de gravidade. Os equipos de emerxencias tiveron que sacalo do coche nunha padiola e o 112 mobilizou un helicóptero para o seu traslado ao hospital. Os demais membros da familia, un neno e unha nena de entre 10 e 13 anos, e a súa nai foron evacuados en ambulancias.

"Os compañeiros puxéronse ás ordes do persoal do H3 para colaborar no rescate e mais na evacuación do ferido do Volkswagen Tiguan", asegura o cabo Villanueva.

O accidente produciuse nun tramo recto e con boa visibilidade entre os núcleos de Suevos e Pino de Val. Como consecuencia do choque, foi preciso pechar a estrada máis de dúas horas e o tráfico desviouse por vías secundarias e pistas da parcelaria. Os bombeiros rescataron os falecidos.

"Outro compañeiro mais eu activamos o protocolo antiincendios e iniciamos as manobras de liberación do segundo vehículo implicado e xa se certificou o falecemento dos ocupantes do mesmo", asegura o respobable dos bombeiros.

A Garda Civil está a investigar as causas do accidente, pero todo parece indicar que o coche dos feridos viña adiantando, cando a familia volvía da praia, e foi bater contra o turismo dos falecidos botándoo da estrada.