CRTVG

Buscar

Dous mortos ao descarrilar un tren de alta velocidade preto de Milán

Publicado o 06/02/2020 09:55

O descarrilamento dun tren de alta velocidade deixou dous mortos e trinta e un feridos preto de Milán. As vítimas mortais son os dous maquinistas e o feito de que fose o primeiro tren da mañá con poucos viaxeiros evitou unha traxedia maior. 

O accidente aconteceu cando eran pouco máis das cinco e media da mañá; era o primeiro dos tren de alta velocidade que une a diario as cidades de Milán e de Salerno.

Cando levaba vinte minutos de traxecto, a locomotora saíu da vía e tras ela dous dos seus vagóns que descarrilaron e envorcaron.

O accidente deixou dúas vítimas mortais, os dous maquinistas do tren. Nel viaxaban outras 33 persoas, que quedaron feridas de distinta consideración, aínda que non se teme pola vida de ningunha delas.

As autoridades recoñeceron que o feito de que fora o primeiro tren da mañá e levase poucos pasaxeiros evitou unha traxedia maior. De feito, nun dos vagóns que descarrilou só viaxaba unha persoa.

A investigación está en marcha para aclarar o sinistro que se produciu cando o tren circulaba a uns 280 quilómetros por hora e nun lugar onde pouco antes se levaran a cabo labores de mantemento.