Dous mortos e 45 contaxiados nun gromo nunha residencia de Madrid
Os gromos continúan aumentando por toda España. Aragón e Madrid seguen rexistrando o 65% dos novos casos.
A Comunidade de Madrid informou de que detectaron un gromo nunha residencia con 47 positivos. Morreron dous anciáns.
Dúas desas 47 persoas que deron positivo nesta residencia madrileña de San Martín de la Vega faleceron e dúas están hospitalizadas con pneumonía. Segundo informou a Dirección xeral de Saúde Pública, 38 dos contaxiados son residentes.
O primeiro tenente de alcalde asegura que o centro tomara medidas estrictas e que nunca tivera ningún caso antes.
O concello de San Martín de la Vega informou tamén doutro gromo nun bar próximo, con tres positivos, de onde algúns familiares sospeitan que veu o contaxio.
Finalmente, os 25 residentes que deron negativo foron evacuados a outros centros. A comunidade madrileña é a segunda co maior número de casos.
Segue á cabeza Aragón que notificaba nas últimas horas 657 positivos, a maioría na capital Zaragoza, un récord diario desde que comezou a pandemia.
Tamén continúan á suba as cifras en Cataluña. Notificou hoxe 706 positivos por PCR, 865 sumando todos os tipos de test.
No Vallés occidental, ante as repuntas de casos nas últimas semanas en Sabadell, Terrassa e Ripollet, xa están facendo cribados masivos e voluntarios, para os que se instalaron carpas nos barrios máis afectados polos gromos. Onte fixeron máis de trescentas probas, porta a porta, en Ripollet.
Castela e León acaba de anunciar que confina Aranda de Duero durante 14 días. Por tanto, esta localidade regresa á fase 1. Os casos na comunidade triplicáronse de onte a hoxe.