CRTVG

Buscar

Dous intoxicados en Sarria debido á mala combustión dun quentador

Publicado o 13/11/2019 13:56

A combustión defectuosa dun quentador de butano provocou a intoxicación de dous veciños de Sarria por inhalación de monóxido de carbono. O suceso tivo lugar nesta casa da rúa Calvo Sotelo, no centro urbano da vila. Os propios intoxicados foron os que deron a voz de alarma, ao notaren que se empezaban a sentir indispostos. Daquela, o 112 mobilizou a Policía Local, a Garda Civil e unha ambulancia. Tamén os bombeiros, que se ocuparon de evacuar as vítimas e ventilar a vivenda.

José Manuel López, sarxento do parque de bombeiros de Sarria: "Vimos que se trataba dunha vivenda cun baixo e dous andares, dous compañeiros subriron con equipos de respiración autónoma subiron e viron que había dúas persoas no primeiro andar con mareos. Entón evacuámolas o máis rápido posible para que foran trasladadas e atendidas nun centro médico. Co explosímetro, detectamos que había concentracións de monóxido de carbono próximas ás 300 partes por millón, polo que ventilamos a vivenda para que quedase habitable".

Para evitar intoxicacións deste tipo, é recomendable que as instalacións estean limpas, ben ventiladas e revisadas periodicamente. Se aínda así se detecta gas, cómpre pechar a chave e abrir portas e ventás.

José Manuel López, sarxento do parque de bombeiros de Sarria: "Se unha persoa detecta unha fuga de gas na súa vivenda e xa está nela, o que ten que facer é cerrar a chave do gas e ventilar o antes posible a estancia. E, sobre todo, non prender ningún aparello que poida causar unha chispa e inflamar ese gas. Non se debe utilizar o teléfono móbil, fumar, prender aparellos eléctricos, e nin sequera acender ou apagar a luz, xa que podería producir unha explosión. Unha vez en zona segura, fóra da vivenda, debería avisar o 112 o máis rápido posible".

Os veciños intoxicados, ambos os dous de mediana idade, foron dados de alta tras recibir asistencia médica.

Noticias web

13/11/2019