CRTVG

Buscar

O ADN implica directamente os dous principais agresores no crime de Samuel

Publicado o 02/08/2021 13:00

• O xulgado levanta o segredo de sumario: golpearon a Samuel cunha botella de cristal nunha malleira que durou "seis minutos fatais"

• Investigan os detidos por tentativa de homicidio ou asasinato por agredir o senegalés que axudou a Samuel

EFE

Samuel Luiz faleceu por "multitude de golpes" na cabeza durante "seis minutos fatais", e os dous informes de ADN que a Policía Xudicial entregou este luns ao Xulgado de Instrución número 8 da Coruña sitúan directamente aos dous primeiros detidos por este crime como os "principais" agresores.

É o que asegurou este mediodía o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, tras levantarse o secreto de sumario, nunha comparecencia xunto ao xefe superior de Policía de Galicia, José Luis Balseiro; e o comisario xefe da brigada provincial da policía xudicial da Xefatura Superior de Policía, Pedro Agudo.

Miñones indicou que os dous informes de ADN "implican directamente os dous principais autores dos feitos", que son os dous primeiros detidos, dous homes veciños da Coruña, de entre 20 e 25 anos, que tamén foron os dous primeiros que agrediron a Samuel.

Pedro Agudo precisou que contan con ADN de tres procedencias: a roupa, o corpo de Samuel e unha botella de cristal. En dous perfís coincide o ADN dos dous primeiros agresores. Así as cousas, concretou Agudo que estudan desde hai tempo o uso de dous obxectos na agresión: un metálico que aínda non identificaron e a citada botella de cristal, que "pensamos que rompeu contra a vítima", remarcou.

Detallou que rexistraron a casa do menor que ten antecedentes e acharon un obxecto metálico que non é un puño americano, como aclarou. Aínda están á espera do resultado da proba de ADN deste artigo. Así mesmo, sostivo que a causa da morte de Samuel foron golpes na cabeza.

"Non hai un único autor material. Son varios. A autopsia fala de varios golpes que son os que producen o traumatismo cranioencefálico que provocou a morte de Samuel", recalcou Agudo.

A Policía desvelou nunha nota que varias testemuñas da agresión a Samuel Luiz viron a unha persoa “cunha navalla que sacou do peto dianteiro” do pantalón e que lle daba patadas á vítima mentres estaba no chan.

Os detidos están a ser tamén investigados por dous delitos contra a integridade da vida (homicidio ou asasinato, a confirmar durante a instrución): un consumado contra Samuel Luiz e outro en grao de tentativa contra o senegalés Ibrahima Diack. Miñones precisou que Ibrahima, quen obtivo o permiso de residencia xusto por tentar axudar a Samuel, cubriu á vítima "co seu corpo" recibindo "agresións que puideron acabar coa súa vida".

Por outra banda, Agudo dixo que "a colaboración dos detidos foi nula", salvo o cuarto, investigado tamén por quedar supostamente co teléfono móbil de Samuel. Con todo, este presentouse nun primeiro momento na comisaría de Policía como testemuña e "non dixo a verdade", explicou. Sobre os demais, contou que "os detidos querían declarar pero ao entrevistarse cos seus letrados non o fan".

É o que apuntou o comisario, que compartiu que a moza podería ser "encubridora", pois "se participase na agresión estaría en prisión". Unha proba importante para achegar luz, debullou, foi a análise feita no pub El Andén, do que o primeiro detido foi expulsado tras discutir coa muller detida, a súa moza.

O altercado comezou nas inmediacións do Praia Club, no paseo marítimo coruñés, cando Samuel e a súa amiga realizaban unha videochaamada co móbil dela, momento en que o primeiro agresor actuou ao pensar que o estaban gravando a el.

O delegado do Goberno precisou que a investigación policial conta con 36 probas testificais e asegurou que a agresión durou "seis minutos fatais", pois comezou ás 2.58 horas e finalizou ás 3.04 horas. A malleira culminou no número 2 da Avenida de Bos Aires, a 150 metros do punto inicial.

Os detidos borraron contido das súas redes sociais, que tamén foron importantes nas indagacións, xunto ao visionado das cámaras situadas na zona e o envorcado de datos dos móbiles. Dos seis arrestados, tres permanecen en prisión provisional, unha foi posta en liberdade con comparecencias no xulgado e dous menores foron internados nun centro. A investigación continúa aberta. 

Xulgado de Instrución número 8 da Coruña levantou este luns o segredo das actuacións do caso de Samuel Luiz.

As partes implicadas no caso poden ter acceso ás probas realizadas. Segundo concretan fontes das defensas xurídicas dos encarcerados, xa están a revisar o actuado.

O 14 de xullo a xuíza alzou o segredo das actuacións, pero a Fiscalía presentou un recurso ante a Audiencia Provincial da Coruña contra esta decisión e foi estimado. A Audiencia Provincial alegaba o 20 de xullo que había unha serie de dilixencias de investigación pendentes.

Noticias web

02/08/2021