CRTVG

Buscar

Dous gromos en Melón e Verín suman seis positivos á provincia de Ourense

Publicado o 26/08/2020 17:06
Dous gromos en Melón e Verín suman seis positivos á provincia de Ourense

Ata o momento ascende a tres o número de afectados dun gromo localizado en Melón despois do diagnóstico dun primeiro caso da covid-19, o pasado luns 25 de agosto, e que na actualidade afecta dous homes de 73 e 43 anos e a unha muller de 66 anos de idade.

Pertencen todos a un mesmo núcleo familiar e teñen a súa residencia neste concello ourensán.

Neste momento, os tres pacientes están en situación de illamento domiciliario controlados e monitorizados telemáticamente e a seguimento polo persoal sanitario do seu centro de saúde.

A aparición deste gromo provocou que Sanidade, como medida preventiva, ordease desde o luns a restrición total nas visitas e nas entradas e as saídas da Residencia Santa María de Melón co obxectivo de preservar a saúde e seguridade dos residentes e dos traballadores do centro.

Novo gromo en Verín

No día de onte tamén se detectou un novo gromo importado localizado no concello de Verín despois do diagnóstico de tres casos, todos pertencentes a unha mesma unidade familiar.

Neste intre está activado o protocolo para o estudo, identificación e localización dos seus contactos máis estreitos co obxectivo de realizar as probas diagnósticas que sexan pertinentes.

Os tres pacientes, dous homes de 84 e 51 anos e unha muller de 76 anos de idade, atópanse en situación de illamento nos seus domicilios, monitorizados e a seguimento telemático polo persoal sanitario do seu centro de saúde.

Varios gromos quedan inactivos na provincia ourensá

Por outra banda, tras cumprir cos os prazos de tempo correspondentes aos períodos de illamento dos pacientes e á realización das respectivas probas diagnósticas, ao gromo de Beariz, que quedou inactivo fai unha semana, hai que engadir agora os de Vilar de Barrio, Baños de Molgas, San Cibrao das Viñas e un gromo familiar de Ourense que afectou no seu momento cinco pacientes.