Dous gardas civís salvan un bebé no cuartel de Cambre
Sucedeu na noite do venres. Os dous axentes, Estefanía Lesta e Adrián Hermida, que levan pouco tempo en Cambre, acababan de entrar de servizo cando escoitaron berros no exterior. A través das cámaras de vixilancia viron unha muller correndo cun bebé nos brazos.
"A señora deume o pequeno e díxome: 'Non respira, mórreme o neno', xa vimos o neno que viña morado e cos ollos en branco", conta Adrián.
"E entón o meu compañeiro superrápido actuou, púxoo enriba da mesa, miramos se efectivamente non respiraba e comezamos a darlle masaxes no peito como o RCP", di Estefanía.
Segundo parece, ao pequeno puxéronlle unha vacina pola mañá e horas despois comezou a subirlle a febre. Cos primeiros auxilios, os dous gardas conseguiron que o cativo respirara.
"Cuando reaccionou, porque o neno non chorou en ningún momento, reaccionou e xemía e ao meu compañeiro non lle quería soltar a man", explica Estefanía.
"Un neno pequeno impacta moito, sobre todo cando lle estás facendo a RCP e tarda un pouco en reaccionar, pero unha vez que reacciona sacas un peso de encima enorme", di Adrián.
"E co que tiñamos por alí polo cuartel, intentar baixarlle a temperatura, mollándoo con papel hixiénico e cando conseguimos estabilizalo volvín coa nai, porque estaba moi nerviosa, para que se intentase tranquilizar e que non lle pasase nada a ela", engade Estefanía.
Desde a comandancia da Coruña avisaron unha ambulancia e mentres agardaban desde o 061 recibiron indicacións para manter o bebé estable ata o seu traslado ao hospital onde se recuperou. Pasado o susto, os pais acudiron ao cuartel para darlles as grazas a estes dous gardas civís.
"Foi todo moi rápido, moi instintivo, basicamente sabemos o que temos que facer, pero ata que pasa nunca sabes se vas estar á altura", di Adrián.
"E xa para o resto da nosa vida persoal e profesional saber que realmente axudaches un neno tan pequeno xa te enche moito como persoa". "Foi bonito porque é como reafirmarte en que é un traballo que merece a pena", conclúe Estefanía.