CRTVG

Buscar

Dous falecidos nun accidente mortal en Noia ao esnafrar o seu coche contra un edificio

Publicado o 24/02/2019 14:50

O vehículo saíu da vía e bateu contra o baixo dunha vivenda

• Barállase a hipótese de que o mozo quedara durmido

 

A crónica deste domingo comezámola en Noia con dous falecidos nun accidente de tráfico. O coche no que viaxaban ás cinco da mañá empotrouse contra un edificio á saída dunha curva. Crese que o condutor puido quedar durmido.

Un mozo de 21 anos e a súa acompañante, unha muller de 41, nai da súa parella, faleceron esta madrugada nun accidente acontecido a entrada da vila coruñesa de Noia. O coche no que viaxaban seguía recto nunha curva e colidía contra os baixos dun edificio. Malia a asistencia médica recibida, as dúas persoas faleceron no lugar dos feitos.

Foi unha saída de vía nunha curva. O coche empotrouse contra un edificio. Non había marcas de freadas. Barállase a hipótese de que o mozo quedara durmido tras recoller do traballo á nai da súa moza. A muller faleceu no acto e os bombeiros do parque de Boiro lograron liberar ao conductor con vida, pero faleceu minutos despois no interior dunha das ambulancias que se desprazou ata o sinistro.

A investigación policial tentará esclarecer que foi o que lle sucedeu ao condutor do vehículo que esta madrugada sufría unha saída de vía á entrada da vila coruñesa de Noia, a altura da parroquia de Argalo, e que acabou batendo contra o baixo dun edificio. A estrada, que ten restrición de velocidade nesta zona, non presentaba pegadas de freada. Pouco despois presentabanse no lugar os servizos de emerxencias.

Juan Carlos Ferreiro, Servizo de Emerxencias de Noia: "Recibimos unha chamada da Policía Local de Noia dicindo que tiñamos un accidente con dúas persoas graves. Ao chegar aquí xa vimos que estaban atrapadas no vehículo e procedemos á excarcelación. Chegaron os compañeiros do Parque de Bombeiros de Boiro e os compañeiros do GES de Brión que colaboraron con nós en todo momento, ata que sacamos as vítimas e pasámolas á ambulancia."

As dúas persoas que viaxaban no vehículo eran dous veciños de Noia. O condutor, un mozo de 21 anos, e a acompañante, unha muller de 41 anos, quedaron atrapados entre os ferros do vehículo.

Malia a intervención dos equipos sanitarios as dúas persoas faleceron no lugar do sinistro. Os veciños aseguran que nesta curva xa se produciran accidentes similares aínda que sen a gravidade do acontecido esta madrugada e algúns piden que se instalen resaltes para reducir a velocidade dos vehículos. O tramo estivo controlado mentras duraron as tarefas de retirada do turismo pero non se produciron retencións.

Noticias web

24/02/2019