Dúas persoas falecidas nun accidente en Noia
Dous mortos nun accidente en Noia. O coche bateu contra o baixo dunha vivenda. A investigación policial tentará esclarecer que foi o que lle sucedeu ao condutor do vehículo que esta madrugada sufría unha saída de vía á entrada da vila coruñesa de Noia, á altura da parroquia de Argalo, e que acabou batendo contra o baixo dun edificio. A estrada, que ten restrición de velocidade nesta zona, non presentaba pegadas de freada. Pouco despois presentábanse no lugar os servizos de emerxencias.Juan Carlos Ferreiro- Servizo de Emerxencias de Noia. Recibimos unha chamada da Policía Local de Noia dicindo que tiñamos un accidente con dúas persoas graves. Ao chegar aquí xa vimos que estaban atrapadas no vehículo e procedemos á excarcelación. Chegaron os compañeiros do Parque de Bombeiros de Boiro e os compañeiros do GES de Brión que colaboraron con nós en todo momento, ata que sacamos as vítimas e as pasamos á ambulancia. As dúas persoas que viaxaban no vehículo eran dous veciños de Noia. O condutor, un mozo de 21 anos, e a acompañante, unha muller de 41 anos, quedaron atrapados entre os ferros do vehículo. Malia a intervención dos equipos sanitarios, as dúas persoas faleceron no lugar do sinistro. Os veciños aseguran que nesta curva xa se produciran accidentes similares, aínda que sen a gravidade do acontecido esta madrugada, e algúns piden que se instalen resaltes para reducir a velocidade dos vehículos. O tramo estivo controlado mentres duraron as tarefas de retirada do turismo, pero non se produciron retencións.