Dous excargos da Xunta, investigados por prevaricación ambiental pola mina de Varilongo

EFE
O Xulgado de Instrución número uno de Santiago investiga o exdirector xeral de Enerxía e Minas Ángel Bernardo Tahoces e o exsecretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental Justo de Benito Basanta por un presunto delito de prevaricación ambiental relativo á mina de Varilongo, en Santa Comba, informan a Efe fontes xudiciais.
Asociacións ecoloxistas xa denunciaran a autorización permitida pola Xunta en 2011 da reapertura da antiga mina de volframio e estaño de Varilongo sen unha apropiada avaliación do impacto ambiental. Fontes da Consellería de Medio Ambiente consultadas por Efe trasladaron o seu “respecto absoluto” ao proceso xudicial. Tamén desde a Consellería de Economía, Empresa e Innovación da que depende a Dirección Xeral de Enerxía e Minas resaltaron que desde a Administración autonómica ofrecen a súa “colaboración” coa Xustiza “para que esta situación se aclare canto antes”.
“Seguirase traballando polo desenvolvemento dunha minería sostible, velando polo cumprimento de todas as garantías técnicas e ambientais, así como de todos os requirimentos que marca a lexislación vixente”, engade a mesma fonte. Cuestionado por este asunto, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, mostrou o respecto do seu partido polas investigacións xudiciais, pero lembrou que se trata dunha cuestión de “hai dez anos” posto que a autorización da reapertura da mina de Varilongo, en Santa Comba, por parte da Xunta foi en 2011. Así, o dirixente popular apelou a “respectar a presunción de inocencia” e deixar actuar a xustiza.