Dous dos mellores meles de Galicia saíron de Lalín, despois dunha campaña complicada
Cada ano, dende hai 17, un grupo de expertos elixe os mellores meles de Galicia nas catas que organiza Medio Rural. Hoxe imos coñecer os dous ouros, o mellor mel multifloral e o mellor monofloral. Os dous saíron de Lalín, despois dunha campaña complicada polo tempo.
Situada entre a serra do Candán e os montes do Testeiro, a parroquia de Zobra en Lalín agocha un inmenso patrimonio natural. Nestas terras abundan os castiñeiros, os breixos, as silvas e os prados, que alimentaron de sempre as abellas da zona. E é que aquí hai unha fonda tradición apícola documentada dende mediados do século XVIII. Conservouse ata hoxe, e en Zobra residen nin máis nin menos que tres envasadores inscritos na IXP Mel de Galicia. É o caso de Avelina e Alberto, que fixeron desta produción o seu complemento á renda familiar.
Estreaban a marca propia en 2005, e din que daquela, con menos de cincuenta colmeas, sacaban o mesmo mel ca hoxe con duascentas. Uns anos por exceso de seca e outros por exceso de auga, a floración estrágase e as colleitas reséntense.
A campaña pasada xuntaron pouco máis de mil douscentos quilos, moi pouco para atender unha demanda cada vez maior. No lado positivo, a calidade foi excelente e así o avalaron os expertos da cata dos meles. O mellor multifloral de Galicia en 2018 é un mel ecolóxico en que predominan os matices do breixo.
De castiñeiro foi precisamente o mellor mel monofloral de Galicia, que tamén saíu dos montes do Deza. Prodúcese en tres abelleiros repartidos entre Lalín e Dozón, un deles nesta vella alvariza, que é hoxe o emblema de Mel do Saldoiro. Antonio é xa a terceira xeración á fronte da empresa, que fundou seu avó en 1936.
Hoxe ten 430 colmeas. Pensaba que a seca de 2017 deixara a peor colleita de mel que recordaba, pero a de 2018 foi aínda máis baixa. A chuvia estragou a floración do breixo e, malia que a do castiñeiro tampouco se aproveitou como debera, foi a que salvou a campaña e a que lle deu o ouro na Cata.
Entre a monofloral e a multifloral conseguiu xuntar uns tres mil quilos de mel. Un ano bo pode sacar cinco ou seis mil quilos, así que vai ter problemas para atender toda a demanda que ten. O do mel é un mercado en auxe, e ese desequilibrio entre oferta e demanda tira do prezo.
Máis de 45.000 colmeas, trescentos apicultores e uns trinta envasadores coma eles son os encargados de producir mel co selo de Mel de Galicia. Estes premios serven para poñer en valor este produto de calidade e, máis aínda, o importante papel que teñen os que o producen no mantemento do noso medio rural.