Dous dos investigados polo alixo de 60 quilos de heroína admitiron hoxe a súa colaboración
Segunda xornada en Vigo do xuízo polo alixo de 60 quilos de heroína comisados nunha nave industrial de Caldas en 2017. Seis dos doce investigados, que aínda non o fixeran, comezaron coa súa declaración. Un deles admitiu a súa colaboración nos feitos por motivos económicos e sinalou un dos dous supostos líderes da banda como a persoa que lle propuxo participar na operación. Esta mañá tamén comezou a declaración dos catro cidadáns búlgaros que hai entre os detidos.
A imaxe dos acusados chegando a dependencias xudiciais repítese hoxe en Vigo, xa que na Sección Quinta da Audiencia Provincial continúa a celebración da vista polo alixo de sesenta quilos de heroína comisados en Caldas de Reis en agosto de 2017. Hai doce procesados, once homes e unha muller, e só un deles permanece en liberdade. O resto foron trasladados esta mañá dende prisión para continuar coas súas declaracións.
En resposta a preguntas do fiscal, un dos detidos recoñeceu a súa participación na descarga de heroína realizando labores de vixilancia no contorno da nave industrial onde se produciu a incautación. Manifestou que foi o maior erro da súa vida e que o fixo por razóns económicas. O procesado sinalou a Juan Jesús Ventoso Padín, un dos dous supostos líderes da banda, como a persoa que lle ofreceu o traballo.
Tamén hoxe comezou a declaración dos catro cidadáns bulgaros detidos. Un deles, o condutor do camión onde atoparon a heroína, explicou que despois de cumprir cun transporte en Madrid e por orde do propietario do tráiler, conduciu ata Caldas de Reis para reparalo e facer alí unha carga de viño.
Negou coñecer o compartimento secreto onde se agochaba a droga e ter estado na nave industrial onde se produciu a descarga. Declarou que a noite dos feitos foi o propietario do tráiler quen empregou o camion.
Está previsto que o xuízo se prolongue ata o venres. O Ministerio Fiscal solicita para cada un dos acusados once anos de cárcere por delitos contra a saúde publica e pertenza a banda organizada.