CRTVG

Buscar

Dous dos catro beneficiarios do testamento de Charo Porto rexeitan a súa parte

Publicado o 21/12/2020 13:15

Desde que Charo Porto se suicidou no cárcere de Brieva, o 18 de novembro, unha das incógnitas por despexar era se deixara ou non testamento.

Recentemente sóubose que o asinou en 2013 nunha notaría de Betanzos, cando estaba no cárcere de Teixeiro. Charo quixo deixarlle o seu legado ás 4 persoas que non lle deron as costas nos momentos máis dificiles, unha vez condenada polo asasinato da súa filla: os seus dous avogados, unha amiga da familia e unha curmá de lonxe.

Os dous principais beneficiarios do seu patrimonio eran o seu primeiro avogado e amigo de seu pai, Juan Guillán, e María Teresa Sampedro, á que Charo alcumaba a Nena, unha amiga da familia que a apoiou e seguiu visitando na cadea e á que lle confiou as cinsas da pequena Asunta.

O avogado Juan Guillán confirmábanos esta mañá que estaba asinando a renuncia á sua parte da herdanza, polo que o groso do patrimonio de Rosario iría a mans de María Teresa.

Un patrimonio avaliado en máis dun millón de euros e composto por dous pisos no centro de Santiago, un apartamento en Vilanova de Arousa, e o chalé de Teo que perdería parte do seu valor tras o incendio que sufriu en outubro.

Queda por saber se María Teresa aceptará este millonario legado, porque recibilo tamén implica pagar unha importante cantidade polo imposto de sucesións, ao non haber grao de parentesco ningún.

No testamento, Charo Porto tamén incluíu o avogado que a representou en todo o proceso: José Luis Gutiérrez Aranguren. Deixoulle unha colección de arte que ela herdou de seus pais. Pero Aranguren xa anunciou que vai renunciar a ela por ética.

A última persoa que aparece no testamento de Rosario é unha curmá de lonxe que recibiría un xoieiro cun contido avaliado en varios milleiros de euros.

Mentres, o corpo de Charo Porto permanece nun tanatorio de Ávila á espera de que o xuíz autorice o seu traslado a Santiago. Diversas fontes apuntan que a principal herdeira do seu patrimonio amosouse disposta a asumir os gastos funerarios e facerse cargo do enterro de Rosario.

Noticias web

21/12/2020