CRTVG

Buscar

Dous detidos tras unha persecución polas rúas do centro de Foz

Publicado o 23/09/2021 14:00

No transcurso dunha operación policial desenvolvida en Foz e nos arredores foron detidas dúas persoas. Acudiron cando menos tres vehículos da Garda Civil procedentes de diferentes cuarteis, que perseguiron un turismo polo centro da vila. A persecución tivo lugar, a plena luz do día, principalmente pola rúa Salvador de Madariaga, antes de interceptar o coche e proceder á detención do seu condutor nun aparcadoiro da contorna.

"Entrou un coche da Garda Civil, aparcou aí e empezaron a falar cunha parella, un mozo e unha moza. Estiveron falando un bo pedazo, e de aí a un cacho chegou outro coche da Garda Civil, o que me chamou a atención. Estiveron tamén falando con esa parella, entre vinte minutos e media hora, cando chegou outro coche máis da Garda Civil, polo que xa supuxen que algo había". "Viñeron a media tarde tres coches da Garda Civil, que estaban aí atrás no aparcadoiro cun paisano. Non sei que facían, que estaban alí con papeis, e estiveron ata preto das sete". "Comentoume o meu marido que aí estaba a policía, e tamén en Fazouro. Á saída de Fazouro para aquí había polo menos catro ou cinco coches", relatan os veciños.

O condutor detido estaba requirido por orde xudicial. Posto que a operación continúa aberta, poderían producirse novas detencións nas horas vindeiras.

Noticias web

23/09/2021