CRTVG

Buscar

Dous detidos pola morte dun picadiscos galego nunha festa ilegal en Marbella

Publicado o 30/03/2021 21:43

O picadiscos achado morto tras unha festa ilegal en Marbella, suceso polo que foron arrestadas dúas persoas, era José María Ares Fernández, máis coñecido como Chema, un home ferrolán que leva anos traballando en Andalucía. Fontes da súa contorna indicaron que a vítima quería deixar a noite e prepararse como auxiliar de voo.

O seu tío, José Luis Bustabad, escribiu en Facebook este martes: "Que a vida che pon a proba infinidade de veces, pero nunca pensei que sería tan dura como a de perder a un sobriño DJ que traballaba en Marbella asasinado dun tiro perdido disparado por un capo da droga. DEP".

Jose Tinoco, picadiscos como Chema Ares, utilizou a mesma rede social para comentar: "Unha festa, xente bailando, unha pistola, tres balas perdidas, unha impacta no pescozo do DJ, ao día seguinte a policía chega á casa e atópano sen vida e só... DEP Chema".

A Policía Nacional arrestou este martes en Málaga un cidadán alemán de 30 anos como presunto autor dos disparos que ocasionaron a madrugada do luns a morte deste home de 40 anos nunha festa ilegal en Marbella, e detivo outra persoa por un delito de encubrimento.

As detencións producíronse na mañá deste martes, momentos antes de que ambos tentasen fuxir do país, destaca a policía, que mantén aberta a investigación e non descarta novos arrestos.

Os feitos tiveron lugar nunha vivenda da urbanización Guadalmina, onde supostamente se celebraba unha festa ilegal, un inmoble en que os axentes atoparon a vítima -que ao parecer exercía de picadiscos, cun impacto no pescozo. Ao presunto autor material dos disparos impútanselle ademais os delitos de omisión do deber de socorro e tenza ilícita de armas, e ao segundo detido, de 28 anos e nacionalidade alemá, un delito de encubrimento, segundo informou a policía nun comunicado. 

 

Noticias web

30/03/2021