CRTVG

Buscar

Dous detidos en Santa Comba por posesión de plantas de marihuana e por defraudar as empresas de electricidade

Publicado o 03/09/2019 14:46
A Garda Civil de Santa Comba (A Coruña) detivo dous individuos con 325 e 188 plantas de marihuana nas súas respectivas vivendas, en que ambos defraudaban tamén as empresas subministradoras de electricidade ao ter senllas conexións irregulares.

Os dous detidos foron postos á disposición do Xulgado de Instrución Número 1 de Negreira e acúsanos dun presunto delito contra a saúde pública e outro de defraudación de fluído eléctrico.
Os feitos ocorreron por mor das investigacións realizadas por efectivos da Garda Civil de Santa Comba. Os axentes realizaron durante o últimos seis meses vixilancias esporádicas dos dous inmobles en diferentes franxas horarias e constataron que se relacionaban diariamente entre si e que as vivendas presentaban unha conexión ilegal ao tendido eléctrico.

Por iso, a Benemérita contactou coas empresas subministradoras de enerxía eléctrica e estas corroboraron que as vivendas tiñan unha conexión irregular coa consecuente defraudación no consumo eléctrico, sendo este moi elevado ao tratarse de domicilios e non de locais de uso industrial. Ante estes feitos, a Garda Civil solicitou autorización xudicial para o rexistro de ambos os inmobles, dado que todos os indicios sinalaban a posible comisión dun delito no seu interior. Durante o rexistro localizaron 325 plantas de marihuana cun peso de 7,750 quilogramos na primeira das vivendas e 188 na segunda cun peso de 5,550 quilogramos e constataron que o interior de ambos os inmobles estaba acondicionado para a optimización do crecemento das plantas.

Para iso, contaban con sistemas de rega automática e manual, dispositivos eléctricos, bombas de aire, ventiladores, equipos de iluminación especiais, paredes illadas, así como todo tipo de nutrientes, pesticidas e fungicidas. Polo exposto, a Benemérita procedeu á detención dos dous individuos e á incautación das plantas e dos dispositivos achados.