Dous detidos e 30 quilos de haxix comisados nunha operación contra o tráfico de drogas en Vigo

Está previsto que nas próximas horas declaren no xulgado dous detidos nunha operación policial contra unha organización criminal sospeitosa de distribuír grandes cantidades de haxix en Vigo e a súa comarca. Ao parecer, membros da organización desprazábanse a Andalucía tres ou catro veces ao mes para adquirir haxix a organizacións marroquís, co que podían transportar máis de 100 quilos desta droga.
A noite pasada, axentes da unidade contra a droga e o crime organizado interceptaron o coche dos traficantes cando chegaba a Vigo e rexistraron esta vivenda unifamiliar situada preto da avenida do Aeroporto. A operación rematou co comiso de 30 quilos de haxix e a detención de dous homes de 36 e 30 anos, de nacionalidade española e veciños de Vigo e do Morrazo. A policía non descarta que haxa máis detencións porque a operación segue aberta.