CRTVG

Buscar

Dous cans traban nunha muller na praia da Mourisca en Bueu

Publicado o 19/07/2021 13:51

Unha veciña de Pontevedra foi atacada por dous cans na praia da Mourisca mentres se ía dar un baño. A agresión provocoulle feridas nos brazos e nunha perna, ademais de grandes potes causados pola caída. Policías locais acudiron ata o lugar do suceso, onde tamén se atopaba unha ambulancia para atender a persoa ferida.

A muller estaba nesta praia da Mourisca co seu home para desfrutar do día. Ao pouco apareceu unha familia con dous cans. A pesar de atoparse en vixencia a prohibición de acudir aos areais con estes animais, estas persoas incumpriron a norma. Os veciños quéixanse de que tampouco hai sinalización que indique a prohibición, e moito menos vixilancia do lugar.

A vítima decidiu facer un baño co seu marido; daquela, dispoñíanse a camiñar cara á auga cando un dos cans, o de maior tamaño, foise contra ela tirouna ao chan. Iso causoulle un bo pote no brazo esquerdo. Cando estaba no chan o animal seguiu o seu ataque con dentadas no brazo dereito mentres o segundo can, máis pequeno, estaba a roerlle unha perna.

O ataque provocoulle unha ferida no brazo, onde lle tiveron que poñer varios puntos de sutura. Ademais, a trabada na perna ocasionoulle unha ferida profunda pola incisión dun dos cairos. Debido á cantidade de sangue que saía das lesións, o marido chamou a ambulancia, que trasladou a muller ao PAC de Bueu.

Os veciños quéixanse de que cada vez máis persoas acoden aos areais con cans malia estar expresamente prohibido.

Noticias web

19/07/2021