Vai facer dous anos do incendio de Carballeda de Avia
O 15 de outubro do 2017 Carballeda de Avia era o inferno. Faleceu un home de 78 anos cando tentaba salvar os seus animais, calcináronse palleiros, cortes e unha vintena de casas, 14 delas primeiras vivendas. Entre elas, a da familia de Manuela, que tivo que rescatar en brazos a súa nai ante a ameaza das lapas.
Dous anos despois, a nai de Manuela poderá estrear casa en canto rematen de amoblarlla coas axudas das diferentes administracións e de dúas empresas.
A casa deste matrimonio retornado de Suiza estaba acabada de restaurar cando as virulentas lapas a arrasaron.
Atendido o urxente e recuperadas as infraestruturas, Carballeda de Avia desenvolve tres proxectos para recuperar o territorio queimado e poñelo en valor.
O obxectivo destas tres iniciativas diferentes é ordenar o monte e facelo produtivo, con labradío e pastizais.
Aínda queda moito por facer, pero dous anos despois da cinsa revive esperanza.