Dous accidentes mortais en Teo e Rianxo
Dúas persoas faleceron nas últimas 24 horas en senllos accidentes acontecidos en Rianxo e en Teo. Neste último perdía a vida unha muller de 30 anos tras bater o seu coche (de xeito frontolateral) cun camión sobre as sete desta mañá. Aconteceu á altura da Pontevea, preto de Santiago de Compostela.
A condutora do coche accidentado, veciña da Estrada, faleceu practiamente no acto. Foi precisa a intervención do GES estradense para liberala do ferrallada en que quedou convertido o turismo. Os axentes están a investigar se a velocidade inadecuada puido influír no sinistro, xa que na zona había unha néboa mesta. A vía, que xunta Santiago co concello pontevedrés da Estrada quedou cortada nun carril durante varias horas ata que conseguiron retirar os vehículos.
Horas antes, á entrada da vila coruñesa de Rianxo, outra persoa falecía tamén nun accidente de tráfico. Foi un motorista, duns cincuenta anos, que bateu cun coche que estaba a saír dun garaxe, segundo indican testemuñas. O falecido era veciño da parroquia rianxeira de Asados, preto do lugar onde se produciu o accidente. Tanto este sinistro coma o de Teo aconteceron en traxectos curtos, que os axentes lembran que son os máis perigosos.
José Manuel López Santiso, responsable do Destacamento de Tráfico da Coruña, asegura arredor desa cuestión: "Nos desprazamentos curtos prodúcese unha relaxación na condución e é convinte poñer todo do noso lado para evitala."
Dende o venres pasado catro persoas perderon a vida nas estradas galegas. No que vai de ano son xa 28 os falecidos.