CRTVG

Buscar

Case 8.000 persoas acoden a inmunizarse na primeira xornada sen cita previa

Publicado o 12/09/2021 14:12

• Preto do 80 % da poboación galega ten a pauta completa

En Galicia o 79 % da poboación ten a pauta completa e só unha dose o 85 %. Arredor de 175.000 persoas seguen sen estar inmunizadas fronte á covid−19. Para atraer ese grupo, o sábado comezou a modalidade de vacinación sen cita previa. E 7.923 residentes en Galicia fixeron uso dela.

Mais de 2.150.000 galegos contan xa coa pauta completa contra o coronavirus.

Por áreas sanitarias, foi na Coruña onde máis xente se presentou co seu pasaporte ou DNI sen cita: 2.184 persoas. En Vigo foron 1.913, 1.000 en Santiago ou 896 en Pontevedra. As cifras sorprenderon os sanitarios.

Non había problemas de doses porque hai reservadas 30.000 para a modalidade sen cita previa, pero no IFEVI en Vigo tiveron que incrementar en catro os puntos de vacinación porque cos sete que había as ringleiras de xente fóra aumentaban e por tanto as esperas.

Unha imaxe, a das ringleiras de xente para vacinarse, completamente oposta á que ofrecía este mesmo mediodía a área do Álvaro Cunqueiro destinada a facer probas PCR a contactos de contaxiados, sintomáticos e preoperatorios. Concluída a quinta vaga de coronavirus, continúa a pandemia. En Vigo, e isto explica por que o covidauto está case baleiro, diagnosticáronse 26 contaxios nas últimas 24 horas.

Noticias web

12/09/2021