Dor en Triacastela polo veciño atropelado por un condutor que sextuplicaba a taxa de alcol
Publicado o 13/08/2021 13:53
Xosé, máis coñecido como Pepín da Balsa, traballaba como camioneiro para unha empresa de Sarria. Na aldea de Balsa, onde se criou, o pesar é grande.
O mércores á noite parou para facer o descanso obrigatorio na estrada N-525, en Xinzo de Limia. Cando acabou de tomar algo, cruzou canda outra persoa e foi nese momento cando o atropelou mortalmente outro condutor que sextuplicaba a taxa de alcol permitida e que, despois, fuxiu.
Cando Tráfico deu con el e lle fixo as probas de alcolemia, deu 1,68 miligramos en aire expirado.
Xosé deixa un fillo de 13 anos. O seu funeral celébrase hoxe ás seis da tarde.